Wednesday 01 de May de 2024

Medio Ambiente impulsará o salto á economía circular potenciando o traballo en cinco áreas prioritarias de actuación


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destaca que a Xunta centrará os seus esforzos na redución dos plásticos, dos residuos alimentarios e da construción e demolición, na xestión da biomasa e na reutilización das materias primas
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que as actuacións da Xunta de Galicia para avanzar na implantación da economía circular na Comunidade Autónoma centraranse en cinco áreas prioritarias, como son os plásticos, os residuos alimentarios e da construción e a demolición, na xestión da biomasa e nas denominadas materias primas críticas.

A conselleira de Medio Ambiente indicou que o Goberno galego ten un firme compromiso para dar o salto definitivo cara a economía circular, xa que é un modelo que prioriza o retorno, a renovación e o uso eficiente dos recursos e ten como obxectivo manter o valor económico dos produtos, materiais e recursos o maior tempo posible e reducir ao máximo a xeración de residuos.

Ángeles Vázquez, que interviu na apertura dunha xornada formativa sobre a economía circular organizada polo Colexio Oficial de Químicos, explicou que en Galicia este modelo ten percorrido e un enorme potencial; polo que non debe quedarse atrás nos retos que fixa a Unión Europea e para iso fíxanse cinco áreas prioritarias de actuación, como os plásticos. O reto é aumentar a súa reciclaxe e reducir o consumo dos que teñen un só uso, grazas ás campañas para a redución das bolsas de plástico dun só uso ou de campañas de recollida selectiva do contedor amarelo. Ademais, indicou Galicia será pioneira ao fixar por lei a prohibición de uso de vaixela nun só uso, tal e como se establecerá a futura Lei de Residuos de Galicia, e adiantándose ao fixado pola Unión Europea.

Explicou que unha das eivas nas que se están a facer esforzos son denominadas materias primas críticas, para a reutilización das materias primas e reducir a dependencia e o impacto da extracción de novas materias. Así, a Xunta está poñer en marcha accións piloto para a implantación dunha rede galega para a preparación para a reutilización e reparación, xornadas de formación e información para a xestión de pilas, baterías e RAEE, orientadas a xestores e produtores, co obxectivo de impulsar actividades de preparación para a reutilización. Tamén se teñen realizado accións piloto en centros de inserción social para a formación en tarefas de reutilización e arranxo de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos.

A conselleira manifestou que outro dos chanzos nos que se traballará será a xestión da biomasa e xornadas para o fomento por parte dos concellos na xestión dos biorresiduos, unha iniciativa que tivo éxito tal e como demostra a entrega de máis de 1.000 colector para a implantación da recollida deste tipo de residuos, o chamado quinto contenedor, matizou a conselleira, quen engadiu que a posta en funcionamento da planta de compostaxe industrial de Sogama tamén representa un fito importante e dispón aos servizos dos concellos galegos unha instalacións con capacidade para procesar 15.000 toneladas anuais de materia orgánica e producir ata 4.000 toneladas de compost de boa calidade.

Outros dos puntos a combater é o excedente alimentario, non só o excedente no consumo senón todo o que se xera na cadea de produción, para o que é necesario proover un pacto social entre todos os actores implicados co fin de concretar un código de boas prácticas sobre o tratamento e xestión dos excedentes. Neste eido, tamén destacou outra iniciativa do Goberno galego que por primeira vez se fixará un réxime xurídico concreto para os programas de compostaxe doméstica e comunitaria.

Por último, destacou o traballo que se está a realizar para mellorar a xestións dos residuos procedentes da construción e da demolición, os de maior xeración na Comunidade galega; polo que os encontros sectoriais son unha boa ferramenta para buscar solucións de cara a aumentar tanto as porcentaxes de recuperación destes residuos, así como para incrementar o seu valor. Sinalou que tamén se están a abordar estudos sobre a posibilidade de emprego do árido reciclado, co fin de darlle unha nova vida a este tipo de residuos.

Con todas estas accións, a conselleira mostrouse convencida de que a Xunta restá no bo camiño para impulsar a transición cara un modelo de economía circular, seguindo sempre as recomendacións europeas. Nese sentido, recordou que Galicia abordou a súa propia estratexia sobre esta materia, a Estratexia galega de economía circular. Adiantou que na actualidade está na última fase de tramitación e lembrou que será a folla de ruta nesta materia de Galicia.

Ángeles Vázquez salientou que é un documento, redactado en colaboración coas tres universidades galegas, e que nace co obxectivo de avanzar no cambio do modelo actual de produción e consumo por outro máis eficiente e racional; no que se fixan eixos prioritarios a partir dunha completa diagnose para, a continuación, elaborar propostas nas que participaron diferentes axentes, administracións públicas, empresas e cidadáns.